Mensaje de error

User warning: The following module is missing from the file system: file_entity. For information about how to fix this, see the documentation page. in _drupal_trigger_error_with_delayed_logging() (line 1128 of /home/cabanas/www/includes/bootstrap.inc).

Noticias

Responsabilidade medioambiental
  • Miércoles, 19 Septiembre 2012

O Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo o próximo día 28 de setembro unha campaña para promover a sensibilización medio ambiental entre a cidadanía. Desta forma levaranse a cabo un par de charlas nas que se explicaran os diferentes procedementos de reciclaxe así como se solventarán as posibles dúbidas no referente o que pode ser reciclado en cada un dos contenedores que existen: vidro, envases lixeiros e papel.

A primeira destas charlas terá lugar na Escola Laica ás 11:30 horas, mentres que a segunda será ás 17:30 horas no local da Asociación de Mulleres Cabanas Rural de Lavandeira. A entrada será gratuíta e ata completar o aforo existente.

Inicio do curso 2012-2013
  • Martes, 04 Septiembre 2012

A Concellería de Cultura e Deportes de Cabanas ven de abrir o prazo para a inscrición nas actividades municipais que se van a desenvolver durante o curso 2012-2013 e que rematará o próximo venres 21 de setembro. Unha vez máis ofrécese un amplo abano de posibilidades tanto culturais como deportivas para adultos e nenos como ven sendo habitual sempre nos últimos anos.

Entre as actividades culturais, os adultos poderán escoller entre manualidades, bordado, corte e confección, pintura, inglés ou bolillos. Os máis novos en cambio terán a posibilidade de participar en cursos de inglés 1 e 2, pintura e manualidades.

Polo que respecta ás actividades deportivas, tamén existe un bo número de alternativas entre as que decantarse. Os adultos poderano facer en aeróbic, bailes de salón, ioga, pádel, pilates, tenis, ximnasia de mantemento e ximnasia terapéutica mentres que os nenos e nenas terán as opcións de psicomotricidade, predeporte, multideporte, fútbol sala e fútbol nas categorías de biberóns, prebenxamíns e alevíns.

Tamén está aberto o prazo para inscribirse na Escola de Música municipal, na que a oferta de cursos se reparte entre iniciación á música, linguaxe musical e harmonía, piano, guitarra, violonchelo e coro.

Todas estas actividades están supeditadas sen embargo a que se forme un grupo mínimo de participantes. As clases darán comezo a principios do próximo mes de outubro. Aquelas persoas interesadas en participar ou en conseguir máis información poden dirixirse ó departamento de cultura e deportes do Concello de Cabanas ou ben telefonicamente no 981 49 59 59.

Folla de inscrición nas actividades deportivas e culturais do curso 2012-2013

Folla de inscrición na Escola de Música Municipal do curso 2012-2013

Folla de domiciliación bancaria das actividades deportivas e culturais do curso 2012-2013

Folla de domiciliación bancaria da Escola de Música Municipal do curso 2012-2013

Horario orientativo das actividades de adultos

Horario orientativo das actividades de nenos e nenas

Mencer na Escola
  • Viernes, 31 Agosto 2012

Un ano máis, o Concello de Cabanas por medio da súa Concellería de Servizos Sociais, en colaboración coa ANPA “O Castiñeiro”, porá en marcha novamente o programa “Mencer na escola” e que está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Este programa, que leva funcionando dende o curso 09/10, ten como obxectivo facilitar a corresponsabilidade e a conciliación laboral e familiar. Trátase dunha medida ofertada prioritariamente a aquelas familias que non poden contar con outros recursos da rede social ou non lles é práctica a aplicación das medidas legais destinadas a facilitar a conciliación laboral e familiar.

O programa consiste en ofrecer ó alumnado do CEIP Eladia Mariño actividades de corte socioeducativo e lúdico en horario extraescolar e de mañá, antes da entrada ó centro escolar de 7:30 ata 9:30 horas nunha aula cedida polo propio centro, todos os días lectivos do curso escolar. As actividades a desenvolver serán de expresión plástica, xogos cooperativos, xogos de mesa e de rol, expresión musical e corporal, fomento la lectura, educación transversal así como outro tipo de actividades socioeducativas tales como a conversación inicial ou a relaxación. Así mesmo tamén se proporcionarán almorzos saudables para aqueles e aquelas que así o soliciten.

Os usuarios deste programa poderán ser de tres tipos diferentes. O primeiro deles será para aqueles usuarios que o utilicen de luns a venres de forma fixa. Logo haberá outra categoría para aqueles usuarios que o empreguen dous, tres ou catro días a semana. Por último estará a posibilidade, en función da dispoñibilidade de prazas, de empregar o servizo en días soltos.

O programa dará comezo o día 12 de setembro e o prazo de inscrición comezará o próximo luns día 3 de setembro, rematando o venres 7. De todas formas aqueles que estiveran interesados en tomar parte co curso máis avanzado terán a posibilidade de facelo.  Todas aquelas persoas interesadas en participar ou que desexen recadar máis información poden achegarse ata os departamentos de Cultura e de Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

Finaliza "Cabanas Concilia"
  • Jueves, 30 Agosto 2012

Mañá venres, 31 de agosto, os Servizos Sociais do Concello de Cabanas levarán a cabo a festa de clausura do campamento urbano “Cabanas Concilia”, que se ven celebrando durante os meses de xullo e agosto. Para este último día as familias dos nenos participantes están convidadas a tomar parte nos diferentes actos que se levarán a cabo dentro da actividade denominada “Xogos Olímpicos en familia”, coa súa correspondente inauguración oficial, así como unha clausura simbólica coa entrega de diplomas ós participantes e agasallos ós nenos e nenas. Esta actividade dará comezo a partir das doce da maña no Apeadoiro de Cabanas.

Ademais desta actividade tamén se levarán a cabo na xornada de mañá diferentes xogos, música e merenda, así como a exposición de traballos plásticos realizados polos propios nenos e nenas durante o programa. Tamén terá lugar unha representación teatral de monicreques e o visionado final dunha montaxe con fotos sobre as diversas actividades que fixeron os nenos e nenas participantes ó longo do campamento.

O proxecto “Cabanas Concilia” forma parte do Programa Municipal para a Promoción da Igualdade desenvolvido polo departamento de Servizos Sociais de Cabanas e financiado pola Deputación da Coruña. O seu obxectivo xeral é o de favorecer a consecución da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, xerando na poboación unha conciencia máis xusta, igualitaria, respectuosa e corresponsable.

As actividades que se desenvolveron foron de tipo recreativo ligadas á estimulación da imaxinación, a creatividade e a expresión corporal. A súa vez traballáronse valores como a coeducación, o respecto interpersoal, a solidariedade e os hábitos saudables. Así mesmo promoveuse a autonomía de cada persoa participante nas rutinas diarias.

Cabanas Concilia en agosto
  • Viernes, 03 Agosto 2012

Tras o éxito conseguido na primeira quenda do programa “Cabanas Concilia”, as concellerías de Cultura e Deportes así como a de Benestar Social xa traballan para poñer en marcha o programa durante o mes de agosto. Durante o mes de xullo que ven rematar un total de vinte e cinco nenos e nenas con idades entre os tres e os doce anos tomaron parte neste programa municipal para a promoción da igualdade que está subvencionado pola Deputación da Coruña.

Durante todo o mes de agosto e novamente no apeadoiro de Cabanas terá lugar a segunda quenda do programa, que seguirá tendo os mesmos destinatarios que a anterior. O horario das actividades será de 9:30 horas a 14:30 horas e de luns a venres. O custe da actividade será de 65 euros para os empadroados en Cabanas e de 15 euros máis para os non empadroados.

Os obxectivos que se perseguen con esta actividade son principalmente o de posibilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias, ofertar actividades creativas, lúdicas e atractivas de corte socioeducativo de calidade e fomentar o benestar e a mellora da calidade de vida das familias en xeral, promovendo a concienciación social e da igualdade. Para todo isto establecerase unha programación diaria de actividades recreativas que estimulen a creatividade, a imaxinación e expresión, así como o fomento da educación en valores como a corresponsabilidade, o respecto interpersoal, a promoción de hábitos saudables e o traballo en equipo e a solidariedade.

Todas aquelas persoas interesadas en participar ou que desexen recadar máis información poden achegarse ata os departamentos de Cultura e de Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

 

Actividades de verán
  • Jueves, 26 Julio 2012

Este próximo fin de semana o Concello de Cabanas vivirá uns días de gran actividade, tanto deportiva como cultural, que terán na Praia da Madalena e o seu piñeiral o seu principal escenario. Todo isto en torno a celebración da tradicional Romaría de Santa Marta, cuxo día grande será este vindeiro domingo día 29 de xullo.

As actividades xa deron comezo este mesmo mércores coa inauguración do II Mercado Mariñeiro de Cabanas. Esta actividade, que se desenrola ó longo do paseo da Madalena, concentra a diferentes artesáns xunto con postos de degustación gastronómica e todo cunha ambientación mariñeira ademais de con diferentes actuacións e animacións que lle dan un aire diferente e único a este mercado mariñeiro.

O venres 27 de xullo, e a través da Concellería de Servizos Sociais, o Apeadoiro de Cabanas será o escenario dunha nova sesión do programa “Saída 21”, financiado pola Deputación da Coruña, e co que se pretende dar unha alternativa de ocio á xuventude dos concellos de Cabanas e Pontedeume que comparten unha mesma realidade. Nesta ocasión, as actividades que están programadas son un obradoiro de música con DJ así como diferentes xogos tradicionais como son o futbolín, carreira de carabullos, zancos ou a rá.

Posteriormente, o sábado día 28 de xullo a Praia da Madalena acollerá o IV Torneo de Balonmán praia, que comezará ás 10:00 horas e que xuntará unha vez máis a equipos procedentes de toda a comarca. Máis tarde, as 11:00 horas, e tamén na Praia da Madalena, comezará o IV Concurso de Castelos de Área, con participación aberta a todos aqueles que desexen apuntarse nese mesmo día.

O domingo día 29 será o gran día de Santa Marta. Dende primeira hora da mañá comezarán as diferentes actividades que está programadas polo Concello de Cabanas. Así, as 11:00 horas terá lugar a V Concentración de Vehículos Históricos. A esa mesma hora comezarán tamén as diferentes carreiras que comporán o XXIII Cross Popular de Santa Marta. Ás 12:30 horas, o grupo folclórico “Airiños do Frade” será o encargado dun pasarrúas. A gastronomía terá tamén o seu espazo, así que as 14:30 horas e baixo carpa procederase o inicio dunha gran comida con prezos populares. Xa pola tarde haberá diferentes actuacións musicais. A primeira delas será ás 18:00 horas e correrá a cargo do grupo musical do C.C.R.D. San Martín de Porto, posteriormente ás 19:00 horas será a quenda do grupo folclórico “Airiños do Frade”  e por último ás 20:30 horas a animación terá por protagonista ó dúo “Maracaibo”. Tamén pola tarde, ás 20:00 horas, terá lugar a final do VI Torneo 3x3 de baloncesto no Parque do Areal.

Verán en Cabanas
  • Jueves, 05 Julio 2012

Seguindo coa liña de colaboración existente entre os concellos de Cabanas e Pontedeume, este próximo venres día 6 de xullo dará inicio unha nova actividade enmarcada dentro do Programa Municipal para a intervención social coa mocidade “Saída 21”, financiado pola Deputación da Coruña. A actividade que este venres empeza chámase “VERÁN EN CABANAS”.

Desta forma, todos os venres durante os meses de xullo e agosto, a partir das 20:00 horas e no apeadoiro de Cabanas terán lugar unha serie de actividades coas que se busca entre outros obxectivos intervir socioeducativamente coa mocidade en xeral, ofrecer actividades atractivas e motivadoras para a máxima participación e implicación así como educar en valores como a sociabilidade, a solidariedade ou os hábitos saudables. Desta forma, dentro das actividades que está previso que se leven a cabo neste “VERÁN EN CABANAS” haberá obradoiros de cociña e de complementos, de música con DJ’s, diferentes campionatos así como xogos na praia.

A realidade xuvenil heteroxénea entre as mocidades dos concellos de Cabanas e Pontedeume foi o que levou a estas dúas administracións a propoñerse xuntar recursos nunha intervención axeitada a realidade que comparten. Foi deste esforzo común de onde xurde “Saída 21”, proxecto que recolle o nome da saída da autopista que comparten ambos concellos, e onde se integran os distintos programas e campañas dirixidas á mocidade que se levan a cabo dende ámbolos concellos, como é o caso desta actividade “VERÁN EN CABANAS”.

Aquelas persoas que estivesen interesadas en participar nesta actividade ou que desexen recadar máis información poden facelo dirixíndose ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas, ou ben chamando ó 981 49 59 59 ou ben por correo electrónico na dirección servizos.sociais@cabanas.dicoruna.es

Aula de Apoio Socioeducativo
  • Jueves, 28 Junio 2012

Buscar ofrecer ferramentas de apoio e dar unha alternativa durante o tempo de verán que permita a mellora dos resultados académicos. Con isto en mente, o Departamento de Servizos Sociais do Concello pretende levar a cabo unha Aula de Apoio Socieducativo dirixida ó alumnado de 1º e 2º da ESO do IES “Fragas do Eume”. Esta Aula de Apoio empezará a funcionar o día 10 de xullo, rematando o prazo de inscrición na mesma o próximo luns 2 de xullo.

Unha profesional especializada en psicopedagoxia e en educación social será a encargada de impartir esta actividade, que consistirá nunha sesión semanal cunha duración dunha hora e media. Desta forma, os alumnos de 1º da ESO terán a súa sesión os martes, mentres que es o de 2º da ESO o farán os xoves. O horario tanto para uns como para outros será de 10:30 a 12:00 horas e o lugar escollido para levar a cabo a actividade será o Antigo Concello de Cabanas.

Con esta actividade buscarase un dobre obxectivo. Por un lado pretendese mellorar as competencias académicas nas técnicas de traballo intelectual, previndo o fracaso e o abandono escolar e por outra banda buscase desenvolver o autocoñecemento e a autoestima, a educación en valores, as habilidades sociais e axudar na resolución de conflitos, promovendo a educación e a integración social. Deste xeito, os contidos e actividades que se van a realizar co alumnado participante consistirán principalmente en tarefas de motivación, reforzo e acompañamento educativo, competencias en aprender a aprender, mellora da autoestima e competencia persoal, habilidades sociais e de comunicación ou traballos sobre a competencia social e cidadá.

Aquelas persoas que estivesen interesadas en obter máis información sobre esta actividade ou ben quixesen forma parte de ela, poderán dirixirse ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou telefonicamente no 981 49 59 59.

Fin de curso do Obradoiro de Maiores
  • Lunes, 25 Junio 2012

A Concellería de Servizos Sociais de Cabanas, enmarcado dentro do seu programa de envellecemento activo, ten previsto levar a cabo este martes un obradoiro sobre o consumo responsable de fármacos co que se poría fin a esta actividade. O lugar escollido para impartir este obradoiro será a Escola Laica e o horario de once a doce e media da mañá. Este obradoiro realizarase en colaboración con ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependenzas). Posteriormente en outubro deste mesmo ano está previsto que se retome este mesmo programa.

Os obxectivos deste curso son os de concienciar a aquelas persoas (sobre todo xente de idade avanzada) usuarios de fármacos, dos riscos que conleva a mestura con outros fármacos non diagnosticados por un especialista. Informarase tamén sobre os riscos asociados á mestura de fármacos con alcohol, e outras substancias, situacións dun alto risco que son motivo dun gran número de accidentes domésticos e noutros espazos.

Neste obradoiro daranse unhas nocións moi básicas sobre os fármacos xenéricos, que tanta polémica están a crear, e aclararanse as principais diferenzas cos fármacos de marca. Para rematar exporanse algúns consellos co fin de favorecer a organización dos fármacos nas diferentes tomas do día.O curso está aberto a todas aquelas persoas que teñan interese ou curiosidade polo tema, sendo gratuíto.

Ademais, ó finalizar o obradoiro deste martes, e como acto final do curso, farase unha entrega de diplomas a todas aquelas persoas que participaron ó longo do ano. Nesta entrega estará presente o Concelleiro de Servizos Sociais, Juan Antonio López. Poderán recadar máis información nos Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou chamando ó 981495959.

Páginas