Cabanas despide este domingo a Romaría de Santa Marta con cross, xantar popular, boleros, música tradicional e o pop dos 80

Gallego

Preto de 400 nenos e maiores confirmaron a día de hoxe a súa participación no Cross nun percorrido que discurrirá polo piñeiral

Airiños do Frade animará o ambiente cun pasarrúas a partir das 12,30 horas e, dende as 17,30 h, ofrecerá unha actuación no piñeiral

SonBoleros actuará ás 13,30 h e, Carlos Bau, ás 19 horas

Cabanas, 29 de xullo de 2017. A Romaría de Santa Marta de Cabanas dirá adeus mañá domingo a catro días de festexos nos que non faltou a música, a animación a pé de rúa, as ganas de diversión e, sobre todo, a positiva resposta de veciños e visitantes a un programa deseñado polas Concellerías de Turismo e de Deportes coa vista posta en todos os públicos e idades.

Deporte, música e xantar popular constitúen os ingredientes principais do menú para mañá domingo. A xornada arrancará co cross popular. E, facendo gala ó seu nome, así será. Preto de 400 nenos e maiores confirmaron a día de hoxe a súa participación, aínda que a cifra podería incrementarse, xa que de forma excepcional, no lugar da carreira, tramitaranse inscricións ata unha hora antes da saída, na carpa habilitada pola organización. Segundo informa a Concellería de Deportes, promotora da carreira, as diferentes distancias oscilarán entre os 1.000 e 7.000 metros, dependendo da categoría, e o percorrido discurrirá integramente a nivel do mar e polo interior do piñeiral. A primeira categoría comezará a carreira ás 11 horas. 

Así mesmo, os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán trofeo e os vencedores absolutos das categorías masculina e feminina, un trofeo adicional.

Co ánimo de premiar a participación das categorías de base, entregaráselles medalla a todos os que completen o circuito –nenas e nenos nados no ano 2010 e posteriores-. Ademais, unha carpa informativa de “100% Galega”, informará e ofrecerá material promocional da man da Consellería do Medio Rural.

Ás 12,30 horas, o grupo local Airiños do Frade iniciará un pasarrúas para animar a festa e, sobre as 13,30 horas, no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena, concerto de SonBoleros. Cuarteto formado por contrabaixo, voz, piano e percusión, renden homenaxe á música latina e, no seu repertorio, non faltan os boleros, tangos e sones de toda a vida.

A partir do mediodía, sobre as 15 horas, xantar popular no piñeiral. Un xantar que se prevé multitudinario e cuxa venda anticipada de tickets comezaba o 20 de xullo no Punto de Información Turística, na contorna do parque do Areal, e na consistorial. Os boletos estarán tamén mañá á venda na carpa habilitada. O menú inclúe empanada, churrasco, patacas, xeado, bola e café. O prezo? 15 euros.

Sobre as 17,30 horas, os asistentes poderán disfrutar da actuación de Airiños do Frade e, pechando as festas, ás 19 horas, Carlos Bau subirase ao escenario instalado no antigo campo de fútbol para ofrecer aos presentes un auténtico homenaxe aos vocalistas e formacións do pop nacional da década dos 80. E, entre eles, versións das cancións máis coñecidas de Los Secretos, Ronaldos, Mecano, Radio Futura ou Sabina. Unha cita coa mellor música e a mellor forma de despedir Santa Marta 2017.

Image: