O areal cabanés de Chamoso súmase á rede galega de praias sen fume

Gallego

Trala súa declaración por parte da Consellería de Sanidade, o Concello vén de instalar a sinalización acreditativa no entorno do areal

Cabanas, 14 de xullo de 2017. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá de que, oficialmente, o areal de Chamoso é hoxe unha praia sen fume. Trala súa declaración pola Consellería de Sanidade a instancias do Concello, procedíase nos últimos días á instalación da sinaléctica correspondente, sumándose así á rede galega de praias libres de tabaco. Unha iniciativa que busca promocionar unha vida sen tabaco; desnormalizar o seu consumo na sociedade, e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente, entre outros obxectivos.

A rede galega de praias sen fume nace no ano 2012, cando o Concello de Baiona pon en marcha unha campaña para promover entre a poboación que non se fumase nas súas praias. A partir de aí, o Programa Galego de Promoción dunha Vida sen Tabaco, da Dirección Xeral de Saúde Pública, recolle esta iniciativa co ánimo de estendela por todo o litoral galego, creando a citada rede.

Entre as razóns das praias sen fume está o feito de que o tabaco é a primeira causa de mobilidade e de mortalidade evitable e que, non fumando na praia, damos un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco para todos e entre todos.

Image: 
Tags: