O mellor pop rock dos 80, cine, circo, maxia, xantar popular ou deporte protagonizan o programa da Romaría de Santa Marta 2017

Gallego

A festa principal de Cabanas celebrarase do xoves 27 ao domingo 30 de xullo co piñeiral e paseo da Madalena como escenarios principais

Cabanas, 13 de xullo de 2017. Cabanas celebrará por todo o alto a súa tradicional Romaría de Santa Marta. Farao coa mellor música dos 80. Aqueles temas que forman parte da cultura musical de todo o país. Cos boleros convertidos en clásicos. Coa mellor música tradicional, a local. E con cine nocturno ao aire libre, circo a pé de rúa, maxia, xantar popular, mercadillo, castelos na area ou cross polo piñeiral. Un completo programa de actividades, deseñado polas Concellerías de Cultura e Turismo e de Deportes do Concello de Cabanas coa vista posta en todos os públicos e gustos, que se estenderá ao longo de catro xornadas, do xoves 27 ao domingo 30.

Os catro días permanecerá aberto o Mercadillo de Santa Marta no paseo da Madalena. Un ano máis, os postos abrirán o xoves 27 con produtos de alimentación e artesanía, principalmente. Dende embutidos ata doces, pasando por todo tipo de adornos, textil e detalles artesanais. A partir do venres e ata o domingo abrirán de 10 a 22 horas para ofrecer unha razón máis para achegarse ó piñeiral e gozar do paseo nun espazo completamente privilexiado e, ao mesmo tempo, facer algunha compra e tomar un tentempé nalgún dos locais de hostelería.

O venres 28 será unha xornada na que o protagonismo será para os máis cativos. Pola mañá, grazas ao tradicional Concurso de Castelos na area na praia da Madalena. Alcanza este ano a súa oitava edición coa mesma filosofía que as anteriores: premiar a participación. Así, todos os nenos e nenas que acudan ao areal e constrúan a súa figura recibirán unha medalla. Non hai inscrición previa, tan só presentarse ás once da mañá con cubo e pala. Sobre as 13,30 horas procederase á entrega de medallas e premios ás creacións máis orixinais. O mesmo venres, pero pola tarde, cita coa maxia no paseo da Madalena. Ás 18,30 horas, o Mago Romarís traerá a Cabanas o seu espectáculo “Ilusións Ópticas”, un espazo único onde sucede a maxia e onde o público terá un lugar protagonista. E, xa pola noite, a partir das 22,30 horas, cine ao aire libre no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena. Alí proxectarase o filme “El extraordinario viaje de T.S. Spinel”. Unha película de aventuras destinada ao público familiar que narra as aventuras dun neno e a súa viaxe a través de Estados Unidos para recoller un premio polas súas publicacións sobre cartografía.

Ao día seguinte, sábado 29, circo a pé de rúa con Circo Chosco e Peter Punk. A partir das 20 horas no paseo do piñeiral, os primeiros ofrecerán o seu show Chosco gran formato. O humor e o absurdo son os fíos que tecen a trama dun espectáculo no que os protagonistas realizan trucos imposibles. Risco, sorpresa, desastre e surrealismo crúzanse coa impecable técnica en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares… e, de seguido, Peter Punk co seu e s p e c t á c u l o “Chungo k te cagas”. Peter Punk é a personaxe que encarna Isaac Rodríguez Miranda, un neno chegado do país de Nunca Máis que se resiste a medrar. Un pallaso gamberro e completamente irreverente. Malabares, participación do público mozo e adulto, globoflexia, tartazos e moito humor.

E, pola noite, regreso aos 80. Os mellores temas de La Frontera, Nacha Pop, Los Secretos, Alaska, Loquillo, Siniestro, Burning… e moitos máis poderán escoitarse e, sobre todo bailarse, no concerto que ofrecerá a banda Nuevo Plan, con entrada gratuíta no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena e hora estimada de inicio ás 23 h. Tocar en directo e facérllelo pasar ben á xente é a súa máxima e, para iso, recorren como ninguén ó pop-rock español dos 80.

Sobre o mesmo escenario, pero unha hora antes, ás 22, o programa festivo inclúe outra actuación musical de luxo: a de The Kids Band. Un grupo emerxente moi novo que se atreve con grandes lendas da música como The Beatles. Coke, voz e guitarra, Lucas á batería e Ricky ao baixo ofrecerán o mellor de si mesmos para conseguir que o público goce como nunca. Para iso, recorrerán a versións dos grandes temas de grupos como Tequila, Hombres G ou Loquillo.

Xornada de clausura

Deporte, música e xantar popular constitúen os ingredientes principais do menú da cuarta e última xornada da Romaría de Santa Marta 2017. Arrancará co cross popular. E, facendo gala ó seu nome, prevese a afluencia de centos de corredores de todas as idades que, segundo a categoría, recorrerán diferentes distancias nun circuito que pasará integramente polo piñeiral. As persoas interesadas en tomar parte poden inscribirse no Concello de Cabanas (teléfono 981 49 59 59 ext. 3 ou no correo cultura@cabanas.gal). O prazo conclúe o 27 de xullo (ata as 14 horas). De forma excepcional, no lugar da carreira, tramitaranse inscricións ata unha hora antes da saída, na carpa habilitada pola organización.

Ás 12,30 horas, o grupo local Airiños do Frade iniciará un pasarrúas para animar a festa e, sobre as 13,30 horas, no antigo campo de fútbol do paseo da Madalena, concerto de SonBoleros. Cuarteto formado por contrabaixo, voz, piano e percusión, renden homenaxe á música latina e, no seu repertorio, non faltan os boleros, tangos e sones de toda a vida.

A partir do mediodía, sobre as 15 horas, xantar popular no piñeiral. Un xantar que se prevé multitudinario e cuxa venda anticipada de tickets comezará o 20 de xullo. Poderán adquirirse no Punto de Información Turística, na contorna do parque do Areal, e na consistorial. O menú inclúe empanada, churrasco, patacas, xeado, bola e café. O prezo é de 15 euros.

Pechando as festas, ás 19 horas, Carlos Bau & 80 razones subiráse ao escenario instalado no antigo campo de fútbol para ofrecer aos presentes un auténtico homenaxe aos vocalistas e formacións do pop nacional da década dos 80. E, entre eles, versións das cancións máis coñecidas de Los Secretos, Ronaldos, Mecano, Radio Futura ou Sabina. Unha cita coa mellor música e a mellor forma de despedir Santa Marta 2017.

Image: 
Tags: