A Escola Municipal de Música de Cabanas busca alumnos no CEIP Eladia Mariño

Gallego

Ofrecerán un concerto no centro educativo para rapaces e familias para dar a coñecer a actividade e tentar sumar novos compañeiros do colexio

Cabanas, 16 de xuño de 2017. Os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Cabanas ofrecerán este luns, 19 de xuño, ás 11 horas un concerto moi especial no CEIP Eladia Mariño. Estará dirixido aos escolares de Educación Infantil e 1o e 2o curso de Educación Primaria, así como ás súas familias. Non só iso, tamén están invitados estudantes deses mesmos cursos do colexio Santiago Apóstol de Franza, en Mugardos. O obxectivo é dobre. Dunha banda, levar a música da Escola ó Eladia Mariño e, doutro, dar a coñecer a súa actividade e buscar a implicación dos alumnos na Escola, que volverá a abrir a inscrición tralo periodo estival.

O Concello, a través da Concellería de Cultura, colabora na iniciativa. A Escola, auspiciada pola Administración local, creouse no curso 2008-2009, e neste ano tomaron parte 32 nenos e rapaces de entre 5 e 16 anos. Non só de Cabanas, senón doutros municipios como Ferrol, Narón, Pontedeume ou Ares e Mugardos. A súa oferta inclúe Música Iniciación, Música Linguaxe Musical, Guitarra, Piano, Violonchelo e Coro. Boa proba do seu nivel é que algúns dos seus alumnos teñen participado da Orquestra e do Coro de nenos da Sinfónica de Galicia.