Cabanas convoca á hostalaría a unha charla informativa do programa Ti serves, ti decides

Gallego

Está dirixida aos profesionais que venden e serven bebidas con alcohol no marco do programa de prevención de drogodependencias e condutas aditivas que impulsan os concellos de Pontedeume e Cabanas

Cabanas, 19 de maio de 2017. O Concello de Cabanas convoca aos profesionais do sector da hostalaría do municipio a unha charla informativa o vindeiro mércores, 24 de maio, no salón de actos da Casa da Cultura de Pontedeume. A cita inclúese no programa de prevención de drogodependencias e condutas aditivas que desenvolven os concellos de Cabanas e Pontedeume coa cofinanciación da Consellería de Sanidade e, á súa vez, forma parte da campaña “Ti serves, Ti decides”.

A charla principiará ás 16,30 horas e está dirixida especialmente a aqueles hostaleiros que venden e serven bebidas con alcohol. O obxectivo da conferencia é favorecer un ocio saudable e de calidade; mellorar a experiencia da clientela, e facilitar estratexias para crear un entorno máis favorable para o desenvolvemento produtivo do negocio.

“Ti serves, Ti decides” é un programa financiado pola Federación Española de Bebidas Espirituosas, que leva a cabo a Fundación Alcohol e Sociedade co apoio do SERGAS xunto con diversas asociacións de profesionais e empresarios de hostalaría. De feito, en Galicia formáronse ata a actualidade unhas 1700 persoas, entre elas a varias promocións do alumnado da Escola de Hostalaría do IES Fraga do Eume.