Prantación no piñeiral de Cabanas a cargo dos escolares do CEIP Eladia Mariño

Gallego

Na iniciativa, promovida polo Concello, tomaron parte os alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria prantando 30 exemplares

Cabanas, 04 de abril de 2017. Provistos dunha pala e coa mellor intención, os alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria do CEIP Eladia Mariño foron os encargados onte pola mañá de prantar uns 30 piñeiros no piñeiral de Cabanas. Unha iniciativa organizada pola Concellería de Educación coa colaboración do centro educativo e cun obxectivo dobre: dunha parte, restituír algúns dos exemplares danados polos últimos temporais e, doutra, implicar ós máis cativos nesa tarefa medio ambiental.

O Concello preparara previamente o terreo no que procederon á prantación e os nenos e nenas levaron a cabo uns traballos, que tamén incluíron o abono da terra. Así mesmo, Alberto Varela, experto na materia, ofreceu ós rapaces e rapazas unha charla sobre a historia do piñeiral e as claves para unha correcta prantación, entre outros aspectos.

Por último, o Concello quere agradecer a implicación na iniciativa do CEIP Eladia Mariño e tamén da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, que velou polo correcto desenvolvemento do proxecto.

 

Image: