Mensaxe de erro

User warning: The following module is missing from the file system: file_entity. For information about how to fix this, see the documentation page. in _drupal_trigger_error_with_delayed_logging() (line 1128 of /home/cabanas/www/includes/bootstrap.inc).

Visita da conselleira do Medio Rural a Cabanas

Galego

Acompañada do alcalde, Germán Castrillón, supervisou os traballos de acondicionamento de varios camiños realizados con cargo a fondos autonómicos

Cabanas, 15 de marzo de 2017. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladouse esta mañá ata Cabanas para supervisar os traballos de acondicionamento de varios camiños municipais e aproveitou para destacar que a Xunta subvencionou en 2016 o arranxo de máis de 800 infraestruturas viarias a través do Plan Marco, por un orzamento de 16,2 millóns de euros.

A través deste programa, engadiu a conselleira, arranxáronse 810 quilómetros de vías públicas nun total de 293 concellos. O investimento executado por provincias sitúa á de Lugo á cabeza, con 4,8 millóns de euros investidos, seguida pola Coruña con 4,5 millóns de euros, Ourense con 4 millóns e Pontevedra con 2,8 millóns de euros.

No tocante ao concello de Cabanas, levouse a cabo a mellora dos camiños Relousada, O Salto e A Pedra do Couto, por un montante de 56.744 euros. Os traballos consistiron no rebacheo do asfaltado en 2.423 metros. Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o polo alcalde, Germán Castrillón, subliñou que o acondicionamento destas infraestruturas viarias redunda nunha mellora da calidade de vida dos habitantes da zona e do rural galego en xeral.

As obras do Plan Marco consistiron na ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que facilitan o acceso a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias. Tamén se favoreceu o acceso a montes veciñais en man común e a parcelas incorporadas ao Banco de Terras.

Aproveitando a súa visita ao municipio, a titular de Medio Rural interesouse tamén polas obras realizadas dentro do Plan de Emerxencias, o cal contou na pasada anualidade cun orzamento global de algo máis de 2,8 millóns de euros. En concreto, os traballos consistiron no rebacheo e construción de cunetas nos camiños de A Costa, Chamoso, As Modias e o vial de servizo en Fontenova, para os cales se investiron un total de 51.867,38 euros.

As axudas do Plan de Emerxencias están destinadas á mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais e pontes. Os fondos aportados pola Xunta serven para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes viais que se viron deteriorados polas condicións climatolóxicas.

Image: