Concello e veciñanza constrúen 350 trampas contra a vespa velutina coas botellas recollidas coa colaboración do colexio

Gallego

As trampas colocaranse nas próximas semanas no marco dunha serie   de rutas que o Concello programará en colaboración co clube KDM

Cabanas, 09 de marzo de 2017. Concello e veciñanza construíron un total de 350 trampas contra a vespa velutina que, nas próximas semanas, se colocarán en puntos estratéxicos do municipio. A iniciativa forma parte dunha campaña deseñada pola Concellería de Servizos e contou coa colaboración do CEIP Eladia Mariño. Foi precisamente no centro educativo onde se fixo acopio das botellas necesarias para elaborar as trampas. Botellas que entregaron alumnos e docentes. Nos últimos tres sábados, o Concello convocou á veciñanza na antiga casa consistorial e, alí, construíronse as trampas. Nas próximas semanas, e coa colaboración do clube KDM, organizaranse rutas de sendeirismo para a súa colocación.

O obxectivo da Concellería de Servizos é minimizar o impacto que está a causar esta especie invasora. E, por iso, o proxecto inclúe tamén unha serie de charlas informativas sobre a vespa velutina e os métodos e os protocolos para o control e eliminación de niños e raíñas no propio centro educativo.

Esta campaña nace da necesidade de paliar os efectos desta especie invasora e dá cumprimento a unha moción aprobada en pleno pola corporación municipal na que se propoñía realizar un trampeo primaveral, un dos métodos máis efectivos hoxe en día para combater a vespa velutina.

Tags: