Veciños e veciñas de Cabanas elaboran 150 trampas contra a velutina no encontro do sábado organizado polo Concello

Gallego

A xuntanza reeditarase esta semana na antiga casa consistorial

Cabanas, 20 de febreiro de 2017. A Concellería de Servizos de Cabanas fixo balance esta mañá do encontro organizado o pasado sábado na antiga casa consistorial para construír as trampas que, no marco da campaña contra a vespa velutina, se instalarán na primavera. Así, os veciños e veciñas que participaron no mesmo foron quen de elaborar 150 trampas. Todas elas, a partir das botellas de plástico que se están a recoller coa colaboración do CEIP Eladia Mariño.

O encontro repetirase este sábado, 25 de febreiro, no mesmo horario: entre as 10 e as 12 horas. Non é preciso inscrición previa, basta con presentarse no inmoble. Iso si, recoméndase levar un cuter para facilitar as tarefas.

A iniciativa forma parte dun programa municipal co que minimizar o impacto que está a causar esta especie invasora. Un programa que incluirá diferentes actividades como a realización de charlas informativas sobre a vespa velutina e os métodos e os protocolos para o control e eliminación de niños e raíñas no propio centro educativo e nas asociacións do municipio e rutas de sendeirismo para a colocación de trampas, que se levará a cabo en colaboración co clube KDM.

Esta campaña nace da necesidade de paliar os efectos desta especie invasora e dá cumprimento a unha moción aprobada en pleno pola corporación municipal na que se propoñía realizar un trampeo primaveral, un dos métodos máis efectivos hoxe en día para combater a vespa velutina.

Image: 
Tags: