O Concello invita á veciñanza a participar na construción das trampas contra a velutina

Gallego

Organiza encontros na antiga consistorial os sábados á mañá para elaborar as trampas coas botellas de plástico recollidas no colexio

Cabanas, 14 de febreiro de 2017. A Concellería de Servizos de Cabanas invita á veciñanza a participar na campaña contra a vespa velutina deseñada polo Concello. Nesta ocasión, acudindo os sábados á mañá á antiga consistorial para axudar á construción das trampas que se instalarán nos vindeiros meses. Unhas trampas que se elaborarán a partir das botellas de plástico que se están a recoller coa colaboración do CEIP Eladia Mariño. Ata a data, estudantes, equipo docente e directiva fixeron entrega de máis dun centenar de botellas, aínda que a iniciativa continúa coa vista posta nas 200.

Os encontros comezarán este sábado, 18 de febreiro, entre as 10 e as 12 horas. Non é preciso inscrición previa, basta con presentarse no inmoble. Iso si, recoméndase levar un cuter para facilitar as tarefas.

A iniciativa forma parte dun programa municipal co que minimizar o impacto que está a causar esta especie invasora. Un programa que incluirá diferentes actividades como a realización de charlas informativas sobre a vespa velutina e os métodos e os protocolos para o control e eliminación de niños e raíñas no propio centro educativo e nas asociacións do municipio e rutas de sendeirismo para a colocación de trampas, que se levará a cabo en colaboración co clube KDM.

Esta campaña nace da necesidade de paliar os efectos desta especie invasora e dá cumprimento a unha moción aprobada en pleno pola corporación municipal na que se propoñía realizar un trampeo primaveral, un dos métodos máis efectivos hoxe en día para combater a vespa velutina.

Tags: