O Concello facilita a accesibilidade ó local de Lavandeira coa construción dunha rampa

Gallego

O alcalde, Germán Castrillón, explica que a actuación tamén contemplou a creación do segundo parque biosaudable do municipio

As obras contaron cun orzamento de 33.700 euros

Cabanas, 09 de febreiro de 2017. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou  do remate dunha serie de traballos de mellora da accesibilidade do local social de Lavandeira e tamén a construción dun parque biosaudable, o segundo do municipio. As obras, engadiu o rexidor,  contaron cun orzamento de 33.710,60 euros e financiáronse con cargo ó Plan de Acción Social (PAS).

Máis polo miúdo, Germán Castrillón explicou que a intervención no local social de Lavandeira contemplou a demolición das escaleiras de acceso á pranta baixa, na parte traseira das instalacións, e a construción dunha rampa de formigón e instalación dunha barandilla de ferro galvanizado e lacada en negro de similares características á existente na parte dianteira. Deste xeito, facilítase a entrada ás persoas con mobilidade reducida, en cadeiras de rodas e mesmo ós carriños de bebés. Complementando esta intervención, o Concello procedeu ó pintado dunha praza de estacionamento para minusválidos sobre o pavimento de formigón e colocou a pertinente sinal indicativa.

Así mesmo, o alcalde indicou que o entorno do local social de Lavandeira conta, grazas a esta actuación, co segundo parque biosaudable do municipio, despois do ubicado no Areal. Para iso, o Concello procedeu á instalación dunha serie de aparellos de ximnasia para que persoas adultas poidan realizar actividade física.

Image: