Charlas formativas sobre reciclaxe esta semana en San Martiño do Porto e Cabanas

Gallego

Celebraranse mércores no local social e xoves no consistorio ás 19,30 h

Cabanas, 07 de febreiro de 2017. O local da Asociación Cultural San Martiño do Porto acollerá este mércores, 8 de febreiro, a primeira das charlas formativas sobre reciclaxe que promove o Concello de Cabanas en colaboración coa Xunta de Galicia. Dará comezo ás 19,30 horas e a entrada é libre e gratuíta para todos os veciños e veciñas interesados en tomar parte na mesma, con independencia da súa parroquia de residencia. Ó día seguinte, este xoves 9, a charla celebrarase na casa consistorial de Cabanas, á mesma hora.

Con elas, o Concello de Cabanas quere continuar mantendo o recibo do lixo ós veciños e veciñas pese a ser un servizo a día de hoxe deficitario. E, por iso, plantea elevar as taxas de reciclaxe no municipio facilitando información á veciñanza sobre unha correcta separación dos residuos.

Así, técnicos medio ambientais da Xunta desprazaranse a Cabanas para informar das pautas a seguir e atenderán as consultas e dúbidas dos asistentes.

O calendario continuará o 14 de febreiro será en Laraxe, parroquia que desenvolverá a charla no local da Asociación Cultural San Mamede. E, pechando a rolda, o luns 20 celebrarase no local social de Lavandeira.

Tags: