Cabanas investirá preto de 300.000 euros en obras de saneamento, mellora de camiños e unha actuación na Escola Laica

Gallego

O pleno aprobou por unanimidade as intervencións, que nacen de demandas veciñais

Ampliarase a rede de saneamento en Lavandeira e completaranse as obras de conexión da rede dende a área recreativa da Veiga ata Batán

Melloraranse a Travesía do Campo do Oito, Camiño de Limpadoiros e o Camiño e Travesía de Teloi, e combatiranse as filtracións de auga na Escola Laica

Cabanas, 31 de xaneiro de 2017. Obras de saneamento e acondicionamento de camiños concentran o groso dos investimentos que o Concello de Cabanas levará a cabo neste 2017 con cargo ás axudas provinciais. O alcalde, Germán Castrillón, explicou que a relación de actuacións nace do consenso entre os grupos que integran a corporación municipal e pretenden dar resposta ás necesidades trasladadas pola veciñanza. Así, o pleno daba luz verde o pasado mércores ós investimentos, que suman 291.448,52 euros –contabilizando o Plan Único-POS+, as axudas procedentes do remanente provincial de 2016 e o préstamo provincial-.

Así mesmo, Castrillón sinala que o Concello destinará outros 91.730 euros a gasto corrente e 32.796,43 euros a amortización de préstamos –reducindo ata os 44.000 euros a débeda actual cos bancos-.

Ó detalle, o Concello acondicionará a Travesía do Campo do Oito, o Camiño de Limpadoiros e o Camiño e Travesía de Teloi. Executará traballos de mellora do firme e sinalización –vertical e horizontal- e, no caso de Limpadoiros, ampliará o ancho medio do vial nun treito de 63 metros.

En materia de saneamento, o Concello realizará unha intervención complementaria á prevista pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Lavandeira. Alí, a Xunta construirá unha EDAR e unha rede de colectores para posibilitar a futura conexión á rede de saneamento das vivendas dos lugares de Porcar, Piñeiros, Ameneiros e Horta. A actuación comezará nos vindeiros meses e a Xunta investirá máis de 235.000 euros. Complementando esta, o Concello destinará  44.821,29 euros para dar servizo a un grupo de casas ubicadas no entorno da estrada autonómica AC-564 e, máis concretamente, na Travesía de Lavandeira. Unha intervención que inclúe a construción dos colectores necesarios para a evacuación das augas fecais.

Así mesmo, o Concello financiará a segunda fase das obras de conexión da rede de alcantarillado dende a área recreativa da Veiga ata Batán. Unha actuación coa que se amplía este servizo básico, evitando que as vivendas deste núcleo continúen vertendo ós ríos colindantes e logrando erradicar os tradicionais pozos negros. Unha intervención orzamentada en máis de 112.425,66 euros. Dá continuidade á primeira fase, executada o pasado ano, e contempla a construción dun colector de gravidade que canalizará as augas fecais ata conectar coa rede existente de saneamento, evitando os verquidos residuais non tratados ó medio natural.

Por último, o Concello destinará unha partida de 88.061,16 euros á primeira fase dun ambicioso proxecto de acondicionamento da Escola Laica, un edificio catalogado no Inventario de Bens Inmobles Protexidos de Cabanas e hoxe en día sede de exposicións e actividades culturais. Con esta primeira intervención, que se levará a cabo nunha das partes do inmoble, preténdese dar solución ás filtracións de auga que se rexistran dende cuberta e fachadas dende o ano 2003 e que veñen a causar distintos danos ó interior.