Concello e Xunta promoven un programa de charlas formativas sobre reciclaxe nas diferentes parroquias

Gallego

Técnicos medio ambientais darán información sobre a correcta separación dos residuos e atenderán as consultas da veciñanza

Cabanas, 26 de xaneiro de 2017. Concello de Cabanas e Xunta de Galicia unen esforzos para tentar mellorar máis a taxa de reciclaxe no municipio e, con este obxectivo, poñerán en marcha ó longo do mes de febreiro un ambicioso programa de charlas formativas nas diferentes parroquias. Unhas charlas abertas á participación de toda a veciñanza interesada, clave nesta labor conxunta.

Así, técnicos medio ambientais da Xunta desprazaranse a Cabanas para informar das pautas a seguir para unha correcta separación dos residuos e atenderán as consultas e dúbidas dos asistentes.

O calendario inaugurarase no local da Asociación Cultural San Martiño do Porto o mércores 8 de febreiro. As reunións continuarán ó día seguinte, xoves 9, no salón de plenos da casa consistorial. O 14 de febreiro será a quenda de Laraxe, parroquia que desenvolverá a charla no local da Asociación Cultural San Mamede. E, pechando a rolda, o luns 20 celebrarase no local social de Lavandeira.

En todos os casos, as charlas comezarán ás 19,30 horas e prolongaranse por espazo dun hora.