Declaración Institucional

O 17 de maio de 1990 a Asemblea da Organización Mundial da Saúde (OMS) suprimía a homosexualidade da lista de enfermidades mentais, feito co que se pretendía acabar con case un século de homofobia médica e discriminación contra as persoas homosexuais.

Porén a realidade internacional para o colectivo LGTBI non ten cambiado moito e, en máis da metade dos países do mundo, a discriminación contra a comunidade LGTBI rompe todos os acordos internacionais e vulnera sistematicamente os dereitos humanos, incluso o máis elemental dereito á vida.

A decisión da OMS constitúe unha data histórica e un símbolo moi importante na loita polo recoñecemento da dignidade de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais. O 17 de maio, Dia Mundial Contra a Homofobia e Transfobia é unha iniciativa que conta co respaldo da Asociación internacional de Lesbianas e Gais (ILGA) e de numerosos colectivos, entidades e institucións que están presentes en más de 40 países.

Froito dos logros acadados, semella que lesbianas, gais, bisexuais e transexuais desfrutan hoxe en día de maior liberdade que nunca: están presentes e son visibles na rúa, as revistas, a televisión, o cine... e mesmo se teñen producido importantes avances lexislativos en canto aos dereitos das parellas do mesmo sexo.

Porén, una observación máis atenta amosa que as agresións homófobas e transfóbicas son unha realidade cotiá incluso nas sociedades avanzadas e que as mostras de afecto entre dúas persoas do mesmo sexo ou a mera presenza de persoas transexuais non se toleran en non poucos espazos públicos, sendo motivo de rexeitamento. Ademais, as condicións en que as persoas gais, lesbianas ou transexuais máis novas se ven obrigados a vivir na súa adolescencia, adoitan estar marcadas polo silencio ou o rexeitamento do seu contorno, en ocasións da propia familia, o que repercute negativamente no seu posterior desenvolvemento e estabilidade emocional.

Por estes motivos a Corporación Municipal de Cabanas quere recoñecer que os dereitos das persoas LGTBI son dereitos humanos e que a diversidade sexual debe contemplarse como un dereito básico en calquera ámbito da vida.

Homofobia e Transfobia son dúas formas de discriminación que non deben ter cabida nas nosas vilas e cidades, nin en ningún ámbito da nosa sociedade, por constituír dúas lacras que atentan contra a convivencia, o respecto á diferencia e a diversidade, piares básicos que deben sustentar calquera sociedade democrática e plural.

O Concello de Cabanas colaborará coas distintas administracións e organizacións para evitar xuntos calquera tipo de actuación violenta ou discriminatoria neste ámbito en actividades deportivas, culturais ou de outro tipo que se realicen no noso concello velando polo respecto de todas as persoas, máis alá da súa condición sexual, relixiosa, ideolóxica e dos valores inherentes ao principio de igualade de trato.

tag: 
Archivo: