Mensaje de error

User warning: The following module is missing from the file system: file_entity. For information about how to fix this, see the documentation page. in _drupal_trigger_error_with_delayed_logging() (line 1128 of /home/cabanas/www/includes/bootstrap.inc).

O Parque Natural "Fragas do Eume"

Sin definir

O Parque natural das Fragas do Eume acolle nas súas 9.125 hectáreas de superficie o que é considerado bosque atlántico costeiro máis importante e mellor conservado de Europa. Nel habitan especies de gran singularidade que lle valeron fama botánica internacional.

O bosque de carballo que en Galicia chamamos "fragas" domina a maior parte deste territorio aínda que na marxe dos ríos os amieiros, os freixos e os salgueiros disputan a hexemonía do carballo.

Seguramente, debido a dificultade para explota-la madeira destas fragas polas pendentes, estes bosques sobreviviron á intervención humana a partir do neolítico. Hoxe en día, o seu enorme valor patrimonial pode xulgarse dende dúas vertentes. Por unha parte, a xeneralidade dunha paisaxe moi similiar ó que fai miles de anos poboaba a maior parte da Galicia máis próxima ó mar. Por outra, a singularidade aportada por diferentes especies que por raras, considéranse de gran valor no ámbito científico.

Son habituais entre as árbores, ademais do carballo, os amieiros, os freixos, os olmos, os salgueiros, os castiñeiros e os loureiros, algún que outro pradairo e incluso acivros e teixos. Entre os arbustos salientan especies como o espiño albar e o estraño érbedo, proclive a climes máis cálidos.

Á sombra de todos eles vexetan outras especies como a arandeira, a xilbarbeira, o brizo, a violeta e lianas do xénero hedra e cabrifollo.

Ademais, a presenza de abundantes fieitos é unha característica destas fragas. O grupo dos fieitos ten unha especial importancia debido á diversidade e rareza dalgunhas especies, relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboaba as marxes do que hoxe sería o mar Mediterráneo durante o período Terciario, fai uns cincuenta millóns de anos.

As crises climáticas do Cuaternario - glaciacións e desertización - eliminaron de grandes áreas aquela flora, incapaz de adaptarse ós rápidos cambios. Na actualidade sobreviven reductos daquelas plantas antigas nos lugares que por unhas razóns ou outras quedaron alleos a estes cambios, tal é o caso do tramo final do río Eume no que se sospeita que o encaixado da súa orografía propiciou as condicións térmicas precisas para a supervivencia destes fieitos.

Máis de 170 especies diferentes conforman a fauna destas fragas. Entre as aves atopamos o azor e o gabián, ou rapaces nocturnas como a avelaiona, o bufo rapaz e o gran bufo real. O grupo dos mamíferos conta con excelentes poboacións de xabarís, corzos, cervos, londras, xinetas, martas e nas zonas máis agrestes e solitarias do parque, o lobo. Entre os anfibios achamos a píntega rabilonga, o sapo partero, o sapo corredor ou o tritón ibérico. Os reos, unha variedade da troita migradora, son moi abundantes no tramo final do río Eume e iso anima a centos de pescadores que ano tras ano tentan enganalos con cebos de moitas cores.

O tramo de río que abarca a partir do pantano do río Eume entre A Capela e Monfero ata a desembocadura entre Pontedeume e Cabanas, acolle paisaxes de gran beleza nas que o río discorre polo fondo dun profundo val. Nas súas paredes atrinchéiranse as árbores punteando de diferentes verdes practicamente tódolos recunchos do canón.

Augas arriba, dominan as paisaxes abertas de media montaña, máis humanizadas, nas que abundan as zonas de mato. Desde lugares como o Fontardión da Capela ou a mesma Serra de Sanguiñedo, en Monfero, pódense obeter panorámicas excelentes deste espazo protexido.