Inicio

Visita ó P.A.I. de As Viñas
  • Lunes, 14 Marzo 2011

A Consellería de Benestar e Traballo, Beatriz Mato, estivo esta mañá no Punto de Atención á Infancia que a comezos deste mes de marzo comezou a funcionar no Concello de Cabanas. Na súa visita, a Conselleria tivo ocasión de comprobar de primeira man o funcionamento deste novo servizo cuxo obxectivo céntrase en conseguir mellorar a conciliación da vida familiar e laboral. Beatriz Mato quixo recalcar nesta visita o compromiso da súa Consellería para mellorar neste aspecto, brindando o seu apoia a esta iniciativa municipal.

Na actualidade son vinte e un os nenos e nenas que se atopan inscritos neste Punto de Atención, estando previsto que no próximo mes de maio teña lugar unha nova convocatoria de prazas. As previsións por parte do Concello son as de que no próximo ano se cheguen a completar as corenta prazas distribuídas en quendas de mañá e tarde das que se dispón no centro.

Este Punto de Atención á Infancia ocupa as instalacións que no seu día se empregaron como Escola Unitaria. O Concello de Cabanas aproveitou o Fondo Estatal de Inversión Local para levar a cabo a rehabilitación e adecuación deste espazo para acoller esta nova iniciativa aportando a maiores 18.000 euros para o mobiliario. Dende o grupo de goberno púxose un especial interese en sacar adiante este centro, habida conta da necesidade dun punto que axudase na conciliación da vida familiar e laboral no municipio.

 

 

 

 

Subvencións 2010
  • Miércoles, 16 Febrero 2011

Levada a cabo a baremación da documentación presentada polas diferentes asociacións e entidades sen fins de lucro do Concello de Cabanas para o desenvolvemento de programas e actividades durante o ano 2010, establécense as seguintes axudas:

  1. C.C.R.D. San Martiño de Porto: 22 puntos - 1.623,86 €
  2. Xuventude de Cabanas: 20 puntos - 1.441,88 €
  3. Cemiterio Veciñal “Dato”: 19 puntos - 1.350,89 €
  4. S.C.R.D. “San Mamede”: 19 puntos - 1.350,89 €
  5. Cabalgata de Reis: 18 puntos - 1.259,90 €
  6. Mulleres Cabanas Rural: 18 puntos - 1.259,90 €
  7. A.N.P.A. "O Castiñeiro": 16 puntos - 1.077,92 €
  8. Cemiterio Veciñal “O Peteiro”: 16 puntos - 1.077,92 €
  9. AA.VV. Santa Cruz do Salto: 15 puntos - 986,93 €
  10. S.C.R.D. “O Loureiro”: 14 puntos - 895,94 €
  11. Caza e Pesca "O Castro": 14 puntos - 895,94 €
  12. A.D.C. Poceira Sport: 12 puntos - 731,96 €
  13. Comisión de Festas de Cabanas: 10 puntos - 531,98 €
  14. Amas de Casa "Santa Marta": 10 puntos - 531,98 €

 

Viaxe a Berlín
  • Martes, 01 Febrero 2011

Como ben sendo usual nos últimos anos, a Concellería de Cultura de Cabanas está a preparar unha nova viaxe para aqueles veciños e veciñas que estivesen interesados en tomar parte. Nesta ocasión, e logo de ter visitado en anos anteriores Roma, Praga e Estambul, o destino escollido nesta ocasión será Berlín. A capital xermana acollerá durante cinco días a excursión organizada polo Concello, dende o día seis de abril e ata o 10 que se volverá a Cabanas. Un tempo no que se poderá gozar da ampla oferta cultural que ofrece Berlín e no que se inclúe ademais unha pequena excursión ata Dresden, capital da Saxonia e considerada como a cidade máis fermosa da Alemaña oriental, cuxos monumentos arquitectónicos servíronlle para gañar o epíteto de “Florencia do Elba” e outra a Postdam, antiga capital prusiana e actual capital de Brandenburgo, celebre por ser o lugar onde se firmaron en 1945 os acordos de paz entre as forzas aliadas da Segunda Guerra Mundial. O prazo de inscrición para poder tomar parte nesta excursión remata o día once de febreiro. Nun principio o custe da mesma será de 830 euros por participante. Máis información sobre a mesma pódese recoller no Departamento de Cultura de Cabanas ou telefonicamente chamando ó 981 49 59 59.

Comida Intermunicipal da Terceira Idade
  • Martes, 14 Diciembre 2010

Como ven sendo habitual por estas datas, os Concellos de Cabanas e Pontedeume organizan a súa tradicional Comida Intermunicipal da Terceira Idade de Nadal. O obxectivo perseguido por esta actividade que organizan as concellerías de servizos sociais dos dous municipios é o de estreitar lazos entre as dúas poboacións veciñas, aproveitando ademais as festas de Nadal. A comida terá lugar este vindeiro venres, día 17 de decembro, e a hora será a partir das 14:00 horas. Para recadar máis información poden dirixirse tanto ó Concello de Cabanas como o de Pontedeume, chamando ó 981 49 59 59 no primeiro caso ou o 981 43 32 88 no segundo.

Día Contra a Violencia de Xénero
  • Jueves, 25 Noviembre 2010

O Concello de Cabanas ultima os preparativos dos diferentes actos que se teñen pensado levar a cabo con motivo da celebración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Como ven sendo habitual os últimos anos, a Casa do Concello acollerá o próximo venres día 26 de novembro os primeiros actos. A partir das 19:45 horas procederase á lectura dun manifesto no que se fará un chamamento á eliminación desta violencia que afecta a tantas mulleres inda hoxe en día. Posteriormente a rondalla “Chicas de Oro” darán un pequeno concerto.

Este ano ademais pretende ampliar a actuación con actividades no C.E.I.P. Eladia Mariño. Desta forma, o luns 29 de novembro procederase a unha actuación dun contacontos para o alumnado de educación infantil. Os de primaria poderán tomar parte nunha Ximkana da Igualdade. Na mesma e sempre cun tono lúdico mostraráselles ós nenos participantes como desenvolver as tarefas diarias do fogar. Buscase demostrar que todos podemos facernos cargo dunha gran parte das tarefas. O final farase entrega da “chapa da igualdade” confeccionada artesanalmente polos usuarios e usuarias de AFAES Portanova (Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos) nos seus obradoiros ocupacionais.

Aberto o prazo de inscrición para o P.A.I. de As Viñas
  • Jueves, 18 Noviembre 2010

O Punto de Atención á Infancia do Concello de Cabanas ultima os detalles para a súa posta en funcionamento. Así, unha vez contratado o servizo que se encargará de levar a xestión do centro, abriuse xa o prazo para que as persoas interesadas en obter unha praza no mesmo poidan presentar as súas solicitudes. O prazo rematará o día 9 de decembro e os interesados poderán recoller os modelos de inscrición nas oficinas do Rexistro Xeral do concello en días laborables, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

O Punto de Atención á Infancia é un servizo destinado a axudar á convivencia da vida familiar e laboral e está orientado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. O centro ofertará a posibilidade dun servizo completo ou ben por quendas, de mañá ou de tarde así como a posibilidade de acceder por horas soltas, para desta forma adaptarse da mellor forma posible as necesidades dos pais e nais. Para recadar máis información acerca deste novo servizo, poden dirixirse ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

Programa de envellecemento activo
  • Viernes, 22 Octubre 2010

Ofrecer ferramentas para axudar á poboación maior de Cabanas a levar a cabo un proceso de envellecemento activo é o que se busca a través do novo programa posto en marcha pola Concellería de Servizos Sociais e que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, “Play, enchúfate á vida!” . No mesmo, e a través de diferentes actuacións, abránguese tres áreas fundamentais que definen o programa base atendendo ós conceptos de prevención, saúde e autonomía.

Desta forma o programa organízase en tres bloques, cada un deles orientado e enfocado a cumprir uns obxectivos determinados. O primeiro deles, centrarase na tarefa de prevención como un concepto fundamental no proceso de envellecemento activo. Buscarase fomentar na terceira idade as actitudes básicas que lles preparen para evitar aqueles riscos que levan á maioría dos problemas derivados da ideade: accidentes no fogar, caídas, manipulación de alimentos e medicamentos.

O segundo dos bloques centrarase no tema de saúde, xa que un bo estado físico é esencial para que as persoas maiores conserven unha calidade de vida aceptable, e para asegurar a súa contribución continuada na sociedade. Por iso no programa propóñense accións para potenciar a saúde física a través de ximnasia de mantemento, sendeirismo cognitivo, chequeo e control de saúde e unha xornada de termalismo social. Pero non se esquece o programa das accións para previr o deterioro mental mediante a estimulación cognitiva.

O último dos bloques deste programa céntrase na autonomía, buscando potenciar a capacidade das persoas maiores para controlar, afrontar e tomar decisións persoais por iniciativa propia, así como desenvolver actividades básicas da vida diaria mediante a información sobre recursos da nosa comunidade para a conservación da autonomía tanto a nivel social como instrumental. 

O programa completarase co “Plusdixital”, unha actuación que busca promover a educación e o acceso dos maiores como usuarios dos produtos de novas tecnoloxías: o uso do ordenador, acceso á web, uso de teléfonos móbiles, reprodutores de música, cámaras de fotos…unha maneira de rexuvenecerse e rachar coa fenda dixital.

O programa comezará a impartirse o próximo día 9 de novembro e está previsto que dure ata o 22 de marzo do ano que ven. En total serán quince sesións independentes de dúas horas de duración que se impartirán os martes, na Escola Laica de Cabanas, entre as 11:00 e as 13:00 horas. Aquelas persoas que desexen participar non están obrigadas a facelo en todas as sesións, xa que estas son independentes co obxecto de facilitar e permitir unha maior implicación. Así mesmo, para facilitar o acceso a toda a poboación establecerase un transporte gratuíto que percorrerá as parroquias do concello.

Tanto para apuntarse a calquera das actividades previstas como para conseguir máis información, os interesados poden facelo achegándose ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamando ó teléfono 981 49 59 59.

Teatro en Cabanas
  • Viernes, 22 Octubre 2010

A Concellería de Cultura de Cabanas organiza para o próximo sábado 23 de outubro unha representación teatral. O lugar escollido para o evento será o salón de plenos do propio concello e a hora serán as 19:00 horas, con entrada gratuíta. O encargado da representación será o grupo “A Pombiña” e a obra en cuestión titúlase “Ao son dos novos”.

Nela trátanse as dificultades que xorden na convivencia entre a xente de distintas xeracións. A protagonista da mesma, a aboa Pepa vive coa súa familia (filla, neta, etc.) e a súa vida redúcese a criticar o modo de actuar e de pensar da xente nova, ata que un día se decata de que o mellor que se pode facer cando un chega a vello é deixarse ir e bailar “Ao son dos novos”.

Páginas