Inicio

Entroido en Cabanas
  • Viernes, 17 Febrero 2012

 

Nestas festas do Entroido, o Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo diferentes actividades co gallo da súa celebración, tal e como se ven facendo nos últimos anos, por medio das súas concellerías de Cultura e de Servizos Sociais.

O primeiro dos actos que se realizará será unha festa de entroido, que se celebrará no local da asociación de veciños da parroquia de Santa Cruz de Salto. O Concello de Cabanas iniciou xa no Nadal coa práctica de rotar estes actos por todas as parroquias, buscando desta forma achegar as celebracións a todos os veciños e da mesma forma conseguir tamén que as diferentes asociacións veciñais se involucrasen máis co Concello de Cabanas.

A festa dará comezo pola tarde a partir das 17:00 horas, cunha festa infantil. Posteriormente, ás 20:00 horas procederase a unha degustación de doces típicos destas datas, e máis tarde, ás 21:00 horas, levarase a cabo un concurso de disfraces.

O segundo dos actos que organizará o Concello de Cabanas será o venres 24 de febreiro. Consistirá nun xantar que dará comezo ás 14:30 horas e que como ven sendo habitual se organizará en conxunto co Concello de Pontedeume. A idea que se busca é a de conseguir mellorar e incrementar os lazos entre as dúas veciñanzas. O xantar consistirá nun cocido típico destas datas. Para poder asistir é preciso facer inscrición previa, nos Servizos Socias do Concello de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Curso de Informática Básica
  • Miércoles, 01 Febrero 2012

 

Ofrecer uns coñecementos básicos sobre o funcionamento dos ordenadores e dotar a usuarios inexpertos das nocións máis primordiais para comezar a súa andadura no mundo da informática. Estes son os obxectivos que se marcaron dende o Concello de Cabanas nunha nova oferta de cursos organizados a través da súa Concellería de Cultura.

O lugar on de se impartirán este curso será na Escola Laica de Cabanas, estando previsto o inicio o vindeiro luns día 13 de febreiro, rematando o mesmo o día 27 de febreiro. O horario no que se impartirá será de mañá, das 10:30 horas ás 12:30, e de luns a venres. En total a duración do mesmo será de vinte horas. O prazo de inscrición para poder participar neste curso de informática básica rematará o mércores 8 de febreiro. Poderase recadar máis información acerca do mesmo na Concellería de Cultura de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Obradoiro sobre consumo responsable de fármacos
  • Viernes, 27 Enero 2012

A Concellería de Servizos Sociais de Cabanas, enmarcado dentro do seu programa de envellecemento activo, ten previsto levar a cabo o próximo martes un obradoiro sobre o consumo responsable de fármacos. O lugar escollido para impartir este obradoiro será a Escola Laica e o horario de once a doce e media da mañá. Este obradoiro realizarase en colaboración con ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependenzas).

Os obxectivos deste curso son os de concienciar a aquelas persoas (sobre todo xente de idade avanzada) usuarios de fármacos, dos riscos que conleva a mestura con outros fármacos non diagnosticados por un especialista. Informarase tamén sobre os riscos asociados á mestura de fármacos con alcohol, e outras substancias, situacións dun alto risco que son motivo dun gran número de accidentes domésticos e noutros espazos.

Neste obradoiro daranse unhas nocións moi básicas sobre os fármacos xenéricos, que tanta polémica están a crear, e aclararanse as principais diferenzas cos fármacos de marca. Para rematar exporanse algúns consellos co fin de favorecer a organización dos fármacos nas diferentes tomas do día.

O curso está aberto a todas aquelas persoas que teñan interese ou curiosidade polo tema, sendo gratuíto. Poderán recadar máis información nos Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou chamando ó 981495959.

IV Gala da Cultura e do Deporte
  • Viernes, 27 Enero 2012

Pensando na promoción do deporte e da cultura, o Concello de Cabanas continua coa súa gala conxunta na que se pretende premiar as figuras máis destacadas nestes dous ámbitos e que teñan unha vinculación con Cabanas. Logo de recibir por parte das diferentes asociacións e dos propios veciños de Cabanas as candidaturas para os galardóns, concedéronse dous primeiros premios, un para o ámbito da cultura e outro para o do deporte, así como dúas mencións especiais de cultura e outras dúas de deporte. A entrega dos galardóns así como a propia gala terá lugar na Escola Laica este próximo sábado, día 28 de xaneiro, a partires das 19:00 horas. Aproveitando este mesmo acto tamén se procederá a entrega dos premios do I Concurso de Fotografía Concello de Cabanas.

 No ámbito da cultura, o primeiro premio recaerá no catedrático de Física Francisco José Ares, nado na parroquia de San Martiño de Porto. Cunha traxectoria de máis de vinte anos como profesor as súas costas, Francisco José Ares converteuse por méritos propios nun dos persoeiros máis recoñecido no campo do electromagnetismo, con numerosos premios recibidos e formando parte entre outras da Axencia Nacional de Evaluación e Prospección ou da Academia de Electromagnetismo do Instituto Tecnolóxico de Massachussets. Recibirán unha mención especial o artesán local José Carbón Anca, pola súa obra “Klaus”, e José Luis Maroño Varela, pola súa implicación no asociacionismo de Cabanas.

Pola súa banda, no ámbito do deporte o primeiro premio será para o Club Xuventude de Cabanas, que con case corenta anos de existencia sempre foi unha referencia no deporte local e que agora está implicado ademais en sacar adiante xunto co propio Concello de Cabanas as Escolas Municipais de Fútbol. Do mesmo xeito tamén recibirán unha mención especial Álvaro Rey Mira, capitán do equipo de cadetes do Real Club Deportivo da Coruña no que está a demostrar unha gran progresión, e Carmen Pena Vázquez, do Club de Atletismo Afflelou de Narón.

Renovación de cartóns de residentes
  • Miércoles, 04 Enero 2012

Tendo rematado o prazo de vixencia para os cartóns de residentes no Concello de Cabanas do ano 2011, segundo establece a Ordenanza Xeral Municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria ábrese o prazo para presentar as solicitudes de renovación:

-         Prazo: Ata o 31 de xaneiro de 2012.

-         Lugar de presentación: Rexistro Xeral do Concello de Cabanas

-         Documentación a presentar: Modelo de solicitude de renovación debidamente cumprimentado que se poderá obter nas propias oficinas municipais ou ben a través da web www.cabanas.es

 

ADVERTENCIA: Todos aqueles cartóns de residentes dos que non se solicite a súa renovación no mencionado prazo consideraranse automaticamente caducados a partir do 1 de febreiro de 2012.

I Torneo de Reis
  • Martes, 03 Enero 2012

O Concello de Cabanas, a través da súa Concellería de Deportes e en colaboración co club local do Xuventude de Cabanas, está a organizar o seu I Torneo de Reis de Benxamíns. O día escollido para a celebración do mesmo será este vindeiro sábado, 7 de xaneiro. O lugar no que se disputarán os partidos será no Campo de Fútbol de A Veiga. No caso de que as condicións climáticas non o permitan, trasladarase o mesmo ó Pavillón Polideportivo de San Martiño de Porto.

En total serán oito os equipos que tomarán parte neste torneo, pertencentes a toda a comarca: A.D. Miño, S.D.R. Numancia Ares, C.C.R.D. Perlío, S.D. Rápido de Neda, Eume Deportivo, S.D. Barallobre, S.D.C. Galicia Mugardos e por suposto o propio Xuventude de Cabanas. Os equipos vanse dividir en dous grupos, xogando primeiro unha liguilla e posteriormente xogaranse as diferentes finais. Os partidos comezarán as 10:00 da mañá e a primeira das finais será as 17:00 horas, xogándose a gran final ás 19:00 horas. Ó remate do torneo repartiranse medallas entre todos os participantes.

Este I Torneo de Benxamíns ven enmarcado dentro da política seguida polo Concello de Cabanas de buscar potenciar a práctica do deporte dende a base. Así, tras a creación das Escolas Municipais de Fútbol, que deron os seus primeiros pasos no ano pasado, agora ponse en marcha esta actividade coa que se pretende ofrecer ós máis cativos un aliciente para a práctica do deporte. Neste torneo colaboran co Concello de Cabanas e co Xuventude de Cabanas a aseguradora Groupama así como Coca-Cola.

Exposición Fotográfica
  • Miércoles, 14 Diciembre 2011

O Concello de Cabanas, a través da súa concellería de Turismo, ven de organizar unha exposición fotográfica. Ata o próximo 15 de xaneiro, na Escola Laica, exporanse os traballos dos diferentes participantes do I Concurso de Fotografía organizado polo Concello de Cabanas. O horario para poder asistir a esta exposición será matutino, dende as 10:00 e ata as 14:30 horas.

Os asistentes, ademais de poder apreciar as obras dos concursantes, terán a posibilidade de participar na elección dos traballos gañadores. Desta forma, todos aqueles que así o desexen, poderán deixar o seu voto nas furnas alí consignadas a tal efecto. Os votos así obtidos suporán a metade da puntuación que obterá cada fotografía exposta, sendo o resto da nota o que lle outorgue un xurado designado polo propio Concello.

O fallo deste concurso darase a coñecer o día 28 de xaneiro, durante a celebración da Gala do Deporte e da Cultura de Cabanas, que alcanzará este ano a súa cuarta edición e na que ademais como ven sendo habitual se agasallará as figuras máis destacadas nos eidos da cultura e do deporte de Cabanas.

Envellecemento Activo
  • Lunes, 03 Octubre 2011

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabanas inicia as súas actividades de envellecemento activo de cara ó próximo curso 2011-2012. O programa, realizado en colaboración coa Deputación da Coruña, dará comezo mañá martes e proseguirá ata finais de xuño, celebrándose todos os martes de once da mañá a doce e media. Estas actividades veñen a dar continuidade a un programa que xa se leva varios anos realizándose no Concello de Cabanas e que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, centrándose especialmente na poboación rural. Pensando neste sentido porase un servizo de transporte gratuíto que percorrerá todo o Concello para recoller e devolver ós participantes no programa.

As distintas actividades que se enmarcarán dentro deste programa buscan que as persoas sigan sas e activas, evitando o deterioro e prevención do illamento e da exclusión social. Desta forma buscase potenciar a formación permanente das persoas maiores cunha finalidade actualizadora de coñecementos, fomentar a autorrealización das persoas maiores do medio rural con actividades para o ocupar o seu tempo libre e potenciando a participación social así como a solidariedade e o voluntariado. Búscase en definitiva levar a cabo actividades coas que se tratará de previr o deterioro mental dos maiores e de que se poidan sentir a gusto consigo mesmos.

Para tomar parte neste programa non é preciso participar en todas as sesións, habendo a posibilidade dunha flexibilidade coa que se pretende dar maiores facilidades os interesados no mesmo. Para recadar máis información sobre o mesmo poderase dirixir ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

Páginas